29 representantes da UVigo no ránking de investigadores máis citados da Universidade de Stanford

29 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo forman parte do 2% de científicos máis citados do mundo, segundo se pode extraer da máis recente actualización do ránking elaborado pola Universidade de Stanford, que reúne nunha base de datos aos 186.000 científicos e científicas máis influentes en 22 campos e 176 ‘subcampos’. O catedrático David Posada sitúase un ano máis á fronte da representación da Universidade de Vigo neste ránking, no que figura entre os 700 investigadores e investigadoras citados no mundo, sendo tamén o décimo máis referenciado no campo da Bioloxía Evolutiva e o primeiro en España neste eido.

Elaborada por John P. A. Ioannidis, da Stanford University, xunto con Kevin W. Boyack, de SciTech Strategies, e Jeroen Bass, de Elsevier, esta base de datos ten como obxectivo proporcionar “información estandarizada” sobre o número de citas, a partires dun indicador creado para este proxecto e co que establecen dúas clasificacións de investigadores e investigadoras, tendo en conta ou non as autocitas a traballos previos. A súa última actualización, publicada recentemente por Plos Biology, sitúa 29 investigadores e investigadoras da UVigo entre os máis citados do mundo ao longo da súa traxectoria e un total de 36 no que referido á produción científica no ano 2020.

Con 158 publicacións, ás que se fixo referencia en 64.416 artigos entre 1996 e 2020, o investigador do Cinbio David Posada encabeza a representación da UVigo nesta listaxe, sendo o décimo investigador do mundo e o primeiro de España no campo da Bioloxía Evolutiva, no que o investigador do CIM-UVigo Armando Caballero é o cuarto autor español máis citado e o 456 do mundo.

Tras ser seleccionado no programa de captación de talento HCR da UVigo 2020, o investigador chinés Jianbo Xiao convértese no segundo investigador máis destacado da institución neste ránking, situándose no posto 113 no campo de Ciencia dos Alimentos, ámbito no que o catedrático Jesús Simal Gándara ocupa o posto 232 do mundo e Herminia Domínguez o 373. A investigadora do Cinbio Isabel Pastoriza volve ser, por outra banda, a científica máis destacada da UVigo neste ránking, situándose entre as 900 máis citadas no ámbito da Nanociencia e Nanotecnoloxía, no que tamén figura Jorge Pérez Juste.

Así mesmo, o investigador do Cinbio Juan Carlos Parajo ocupa o posto 138 no apartado de Biotecnoloxía, mentres que José Manuel Domínguez (CIM-UVigo) figura no posto 366, formando parte tamén dos seleccionados nesta área a investigadora do Cintecx María Ángeles Sanromán e Gil Garrote. No campo de Agronomía e Agricultura, o investigador do CIM Jorge Domínguez atópase entre os 300 máis citados e nesta área aparece tamén María José Briones, mentres que entre os máis citados no campo da Bioloxía Mariña e Hidrobioloxía figura o tamén membro do CIM Emilio Marañón. Por outra banda, o catedrático Carlos Lago forma parte dos 250 científicos do mundo máis citados no eido das Ciencias do Deporte. Na área de Química Analítica, sitúanse neste ránking os investigadores do CIM Carlos Bendicho e Francisco Pena Pereira, mentres en Ciencias Medioambientais a UVigo está representada por Ricardo Beiras (CIM-UVigo) e Claudio Cameselle. Tamén investigador do CIM, Alberto Velando figura entre os 500 autores máis citados de Ciencias do Comportamento e Psicoloxía Comparada, mentres que o catedrático Adolfo Cordero atópase entre os 400 investigadores máis referenciados en Entomoloxía.

Por outra banda, o investigador do CIM José Luis Soengas é o único investigador español da área de Fisioloxía neste ránking, no que tamén está presentes Eduardo Liz, na área de Matemáticas Xerais. No apartado de Enerxía forma parte desta escolma Andrés Feijóo Lorenzo e Ana Rodríguez faino na de Enxeñaría Química. A representación da UVigo neste ránking complétase co investigador de AtlanTTic Roberto López Valcarce e con Óscar López, Jesús Doval e Alejandro Yepes na área de Enxeñaría Eléctrica e Electrónica.

Ler a nova completa no DUVI