Realizar unha posta en común do borrador do informe de diagnóstico sobre os efectos do cambio climático no sector da acuicultura. Este é o principal obxectivo co que este xoves se reuniron na sala 1 do edificio Miralles os socios de Aquadapt, un proxecto liderado polo Campus do Mar, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e cuxo obxectivo principal é afondar no coñecemento do impacto do cambio climático na acuicultura para poder así deseñar accións de adaptación dirixidas a diminuír a vulnerabilidade do sector e aumentar a súa resiliencia.
A xuntanza contou coa participación dos propios socios do proxecto, o Campus do Mar, representado por membros das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, o Clúster da Acuicultura de Galicia (Cetga), o Centro Tecnolóxico da Acuicultura (Ctaqua) e da asociación empresarial Rema- Apromar. Como convidados externos, contouse coa participación de membros de Meteogalicia – Xunta de Galicia, a Oficina Española de Cambio Climático, o Instituto Español de Oceanografía e o Centro Tecnolóxico do Mar, asegurándose así a representación do sector produtivo, a administración e o ámbito académico e de investigación.