
O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo (CIM) participa en Aquafuture Spain 2025, a feira internacional de referencia para o sector acuícola que se celebra no IFEVI desde mañá e ata o xoves 22 de maio. O CIM estará presente cun stand propio no que se mostrarán algunhas das súas principais capacidades científicas e tecnolóxicas, así como proxectos que buscan fortalecer o vínculo entre ciencia e acuicultura. No espazo expositivo do centro preséntanse os proxectos MytUniSex, Marinnonet, Benjaminn e AQUASERV, todos eles cunha forte compoñente de transferencia de coñecemento e vinculados coa economía azul.

Co gallo das celebracións do Día Internacional da Muller e a Nena a Ciencia, o Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, entregou este luns os galardóns do concurso Marie Tharp 2024 cos que se procura dar visibilidade ao traballo desenvolvido polas mulleres investigadoras no ámbito mariño. Na terceira edición dos premios Jessica Calo, Alejandra García e Nerea Cazas recibiron cadanseu galardón por tres vídeos divulgativos dun minuto de duración nos que explican de xeito ameno e accesible ao publico as investigacións que desenvolven no CIM.
O director do CIM, Daniel Rey, destacou no acto de entrega dos premios, celebrado este mediodía, que esta iniciativa non só recoñece a excelencia científica das investigadoras, senón que tamén permite achegar o seu traballo á sociedade, facendo que a ciencia mariña sexa máis accesible e inspiradora para as novas xeracións. “A ciencia precisa de todas as súas voces, e no CIM seguiremos traballando para garantir que o talento feminino teña o espazo e o recoñecemento que merece”, afirmou.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia (PCCMMG) celebrou este venres a súa quinta asemblea na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O evento reuniu 250 persoas entre investigadores, representantes da administración e axentes dos sectores produtivos e sociais relacionados co mar. Baixo o lema Avances fronte aos desafíos identificados e encontro cos sectores do mar, a xornada serviu para fortalecer as conexións entre o ámbito científico, tecnolóxico e social para levar a cabo unha xestión sostible dos recursos mariños e mellorar a resiliencia dos ecosistemas do litoral galego. Na reunión presentáronse avances nas áreas de observación e monitorización do medio mariño, a acuicultura sostible e a transformación social e económica e nela participou persoal investigador da UVigo, principalmente do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo.
A xornada foi inaugurada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e polo coordinador científico do PCCMMG e investigador do IIM-CSIC, J. Francisco Saborido Rey. Villares destacou e agradeceu o labor dos membros da comunidade científica que están facendo posibles os avances do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, ao que se referiu como “un modelo integrado de xestión do fluxo de coñecemento científico” neste ámbito, e “completamente adaptado ao contexto ambiental, sociocultural, económico e institucional de Galicia”. Saborido Rey, pola súa banda, destacou a importancia da colaboración entre ciencia, tecnoloxía e sociedade para afrontar os desafíos marítimos de Galicia. Durante o evento, ademais de presentarse os resultados científicos e tecnolóxicos do programa, estableceuse un diálogo sobre as necesidades e prioridades futuras do sector marítimo entre os participantes no programa e as partes interesadas (stakeholders).

O grupo de Fisioloxía de Peixes do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura, Cetga, acaban de pór en marcha un proxecto de investigación dirixido a mellorar as prácticas de atordamento na captura do linguado senegalés, asegurando o benestar animal mediante e implementación de novas tecnoloxías coas que garantir a inconsciencia e insensibilidade do peixe antes do sacrificio, un aspecto considerado como fundamental, tanto para cumprir cos requisitos legais como para reforzar os estándares éticos do sector.
Denominado Avaliación de diferentes metodoloxías de atordamento do linguado senegalés aplicando tecnoloxías electrofisiolóxicas innovadoras, Leteeleg, o proxecto está cofinanciado pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e Acuicultura, FEMPA.
- A UVigo segue a espertar vocacións científicas coa publicación da 4ª edición do catálogo ‘Quero ser investigadora’
- Arranca no CIM un proxecto sobre eficiencia alimentaria en peixes que fortalecerá a competitividade do sector acuícola español
- Vídeos sobre contaminación por microplásticos e sostibilidade da acuicultura gañan o concurso Marie Tharp do CIM
- Rexións do espazo atlántico impulsan en Vigo unha rede internacional arredor da biotecnoloxía azul