
O Centro de Investigación Mariña, CIM, da Universidade de Vigo é un dos socios do proxecto Aquaserv, unha iniciativa financiada con 14,5 millóns de euros do programa Horizonte Europa dirixida á creación dunha rede europea de infraestruturas de investigación en acuicultura, pesca e economía azul. Trátase de mellorar os servizos das múltiples institucións que forman o consorcio de xeito que sexan máis innovadores e personalizados, ademais de fomentar un maior intercambio de coñecementos e tecnoloxía entre o persoal investigador internacional a este respecto.
As 39 institucións de investigación de 16 países europeos -España, Portugal, Francia, Italia, Grecia, Turquía, Reino Unido, Noruega, Finlandia, Suecia, Eslovenia, República Checa, Hungría, Holanda, Dinamarca e Bélxica- que forman parte do proxecto buscarán integrar as súas capacidades, ofrecendo acceso transnacional ou virtual ás mesmas e promovendo o avance científico a través da implementación da Política Pesqueira Común europea, a Estratexia da Granxa á Mesa, a Economía Azul Sostible e o Pacto Verde europeo. Así, establecerase unha rede única, interoperable e transdisciplinaria de infraestruturas cun catálogo unificado de servizos innovadores e eficientes nos campos da acuicultura sostible, a pesca e a economía azul.

A biotecnoloxía azul é aquela que promove a utilización sostible dos recursos mariños e costeiros para desenvolver solucións innovadoras en eidos como a acuicultura sostible, a conservación e restauración de ecosistemas mariños, a produción de alimentos mariños e a procura de compostos bioactivos con aplicacións na industria farmacéutica, cosmética e alimentaria. Son actividades cun rol relevante no crecemento económico local que precisan dunha contorna de cooperación en I+D+I internacional que mellores a súa competitividade e a sustentabilidade do sector no espazo atlántico. E este é, precisamente, o obxectivo do proxecto Marinnonet, unha iniciativa liderada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) que acaba de ser seleccionada no marco do programa Interreg Atlantic Area cunha dotación de 2,3 millóns de euros.
A finalidade do proxecto é mellorar as capacidades de innovación e transferencia no eido da biotecnoloxía azul dos países do espazo atlántico e reúne actores da cuádrupla hélice (academia, administración, empresas e sociedade) de España, Francia, Portugal e Irlanda dedicados á I+D+i de biotecnoloxía mariña para crear unha rede de cooperación transnacional que impulse a capacidade de innovación do sector. Desta forma, lograrase a explotación conxunta das súas competencias e capacidades en beneficio da innovación azul para asegurar a súa competitividade na economía azul europea e mundial e o uso sostible dos recursos mariños, contribuíndo á adaptación ao cambio climático.

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, é unha das entidades seleccionadas para participar nun ‘megaproxecto’ europeo financiado polo Programa de investigación e innovación Horizonte Europa con máis de 15 millóns de euros e no que se reúne a participación de 73 institucións, as principais infraestruturas de investigación da Unión Europea relacionadas coa agricultura, campo no que tamén se inclúe a acuicultura. Trátase de AgroServ, Integrated SERVices supporting a sustainable AGROecological transition, un consorcio co que se busca facilitar a transición ecolóxica e o desenvolvemento dun sistema agro-alimentario sostible.
Este proxecto, de cinco anos de duración, está liderado desde Francia polo Centro Nacional para a Investigación Científica, CNRS, a institución de investigación máis importante neste país e, nel, a representación da UVigo chega da man do laboratorio de Fisioloxía de Peixes PHYStoFISH, dirixido polo catedrático José Luis Soengas, e da Estación das Ciencias Mariñas, Ecimat, integrante do nó español do EMBRC o Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños.

O grupo de investigación de Fisioloxía de Peixes e a súa aplicación en acuicultura, PHYStoFISH, adscrito ao do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, é un dos socios participantes do proxecto Acuisost: Sostenibilidade e resistencia acuícola a través de estratexias nutricionais, un traballo dirixido a promover a sustentabilidade da acuicultura mediante o uso de estratexias nutricionais baseadas na formulación de pensos en base a novos ingredientes e na incorporación de aditivos tecnolóxicos. Financiado con preto de 750.000 euros por Fondos NextGeneration EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR) a través do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a subvención destinada á Universidade de Vigo ascende a 118.000 euros.
Liderado polo Instituto de Investigación e Tecnoloxías Agroalimentarias, IRTA, participan tamén no consorcio, ademais da propia UVigo, as universidades de Barcelona e Murcia, o Instituto de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Nutrición, ICTAN-CSIC, e o clúster Acuiplus como representante da cadea de valor da acuicultura, ademais de diferentes entidades referentes do sector privado: Dibaq Acuicultura, Healthe Tech BioActives, Natac, Tebrio e Tecnoloxía e Vitaminas Farmfaes. O proxecto arrancou o pasado 30 de decembro e por diante quédanlle 23 meses de intenso traballo.