A iniciativa, liderada polo CIM, pecha tres anos conectando ciencia e industria no arco atlántico.
Identificáronse 150 retos do sector e promovéronse novas solucións con potencial comercial.
O proxecto europeo Marinnonet, liderado polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo no marco do programa Interreg Atlantic Area, chega ao seu fin tras tres anos de traballo con resultados que contribúen a fortalecer o sector da biotecnoloxía azul no espazo atlántico. Os socios participaron este martes na xuntanza final, en modalidade en liña e, entre os principais logros, destacaron a creación dunha rede transnacional de cooperación científica e empresarial, o impulso de 16 proxectos piloto de I+D+i orientados a desenvolver solucións innovadoras a partir dos recursos mariños e a posta en marcha dun modelo de innovación aberta que conecta as capacidades da investigación coas necesidades reais do sector produtivo. Coordinado polo catedrático e investigador do CIM, José Luis Soengas, Marinnonet xurdiu co obxectivo de mellorar as capacidades de innovación e transferencia de coñecemento no ámbito da biotecnoloxía azul. Para isto, promoveuse a colaboración entre dez universidades, centros de investigación, empresas, administracións públicas e sociedade de España, Francia, Portugal e Irlanda, co fin de favorecer o desenvolvemento de solucións innovadoras e a súa transferencia ao tecido produtivo.