O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia (PCCMMG) celebrou este venres a súa quinta asemblea na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O evento reuniu 250 persoas entre investigadores, representantes da administración e axentes dos sectores produtivos e sociais relacionados co mar. Baixo o lema Avances fronte aos desafíos identificados e encontro cos sectores do mar, a xornada serviu para fortalecer as conexións entre o ámbito científico, tecnolóxico e social para levar a cabo unha xestión sostible dos recursos mariños e mellorar a resiliencia dos ecosistemas do litoral galego. Na reunión presentáronse avances nas áreas de observación e monitorización do medio mariño, a acuicultura sostible e a transformación social e económica e nela participou persoal investigador da UVigo, principalmente do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo.
A xornada foi inaugurada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e polo coordinador científico do PCCMMG e investigador do IIM-CSIC, J. Francisco Saborido Rey. Villares destacou e agradeceu o labor dos membros da comunidade científica que están facendo posibles os avances do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, ao que se referiu como “un modelo integrado de xestión do fluxo de coñecemento científico” neste ámbito, e “completamente adaptado ao contexto ambiental, sociocultural, económico e institucional de Galicia”. Saborido Rey, pola súa banda, destacou a importancia da colaboración entre ciencia, tecnoloxía e sociedade para afrontar os desafíos marítimos de Galicia. Durante o evento, ademais de presentarse os resultados científicos e tecnolóxicos do programa, estableceuse un diálogo sobre as necesidades e prioridades futuras do sector marítimo entre os participantes no programa e as partes interesadas (stakeholders).
O grupo de Fisioloxía de Peixes do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura, Cetga, acaban de pór en marcha un proxecto de investigación dirixido a mellorar as prácticas de atordamento na captura do linguado senegalés, asegurando o benestar animal mediante e implementación de novas tecnoloxías coas que garantir a inconsciencia e insensibilidade do peixe antes do sacrificio, un aspecto considerado como fundamental, tanto para cumprir cos requisitos legais como para reforzar os estándares éticos do sector.
Denominado Avaliación de diferentes metodoloxías de atordamento do linguado senegalés aplicando tecnoloxías electrofisiolóxicas innovadoras, Leteeleg, o proxecto está cofinanciado pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e Acuicultura, FEMPA.
Valorar e dar visibilidade ás investigadoras da institución, ademais de tratar de espertar a vocación científica entre a mocidade galega con figuras femininas da súa contorna como referencia, son os principais obxectivos cos que a Universidade de Vigo acaba de publicar un novo volume, o cuarto xa, do catálogo Quero ser investigadora.
Nesta cuarta edición, ilustrada por Laura Antelo Gómez, difúndese a historia de dez novas referentes, dez mulleres, dez investigadoras, dez nenas que quixeron dedicarse ao que máis lles gusta: achegar novos coñecementos sobre a súa área de traballo que axuden á sociedade a avanzar cara un futuro mellor. Tal e como subliña no preámbulo do libro a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, trátase de “ofrecerlles ás novas xeracións referentes actuais e próximos”, así como de “apoiar a investigación feita por mulleres”.
Dez investigadoras que dan exemplo
O catálogo ábrese coa participación da docente e investigadora do Departamento de Lingua Española Inmaculada Anaya Revuelta, que destaca a importancia de manter a ilusión e as ganas de traballar e aprender cousas para despois transformalas e facerllas chegar á sociedade.
Marta Conde Sieira, investigadora no eido da Bioloxía Mariña no grupo de Fisioloxía de peixes e a súa aplicación en acuicultura, PhysToFish, do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo), fainos pensar nas grandes científicas como Marie Curie ou Rosalind Franklin, “elas, ademais de ser boas investigadoras e achegar moito á ciencia, foron tamén unhas mulleres moi valentes que non se renderon a pesar dos obstáculos”.
A alimentación é o principal custo do sector da acuicultura, de aí a importancia de intensificar o coñecemento sobre os mecanismos que regulan o apetito, a inxesta de alimentos e o gasto enerxético dos peixes, o que permitirá mellorar a súa eficiencia alimentaria, factor clave para acadar unha produción piscícola moito máis sostible. Desde o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) o grupo de Fisioloxía de Peixes (PhysToFish), liderado polo catedrático José Luis Soengas, leva anos avanzando nestas cuestións, un traballo que agora toma novos folgos coa consecución do proxecto de investigación FishFedEx sobre alimentación e gasto enerxético en peixes teleósteos, financiado con máis de 700.000 euros dentro do Plan nacional de I+D+i, dos que 256.250 euros lle corresponden á UVigo, que coordina o proxecto; 243.750 euros, ao Instituto de Acuicultura Torre de la Sal do CSIC, e 233.750 euros á Universidad Complutense de Madrid, os outros dous membros do consorcio.
“O proxecto promoverá un cambio de concepto na forma en que se consideraron ata a data a alimentación e o gasto enerxético dos peixes ao abordar os factores involucrados na estimulación (palatabilidade e gusto) do consumo de alimento, así como os desafíos relacionados co clima e o medio ambiente”, explica o coordinador. Por outro lado, engade que “a mellora do deseño de estratexias de alimentación tamén fortalecerá a competitividade do sector acuícola español, que é un dos principais obxectivos da contribución de España ás Directrices estratégicas para una acuicultura de la UE más sostenible y competitiva 2021-2030, producindo un incremento no número e a calidade dos postos de traballo asociados a este sector”.
O Centro de Investigación Mariña da UVIgo tamén se uniu este xoves á conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e fíxoo coa entrega dos premios do concurso Marie Tharp 2023 para mulleres investigadoras. Na categoría postdoutoral junior a gañadora foi Sara Comesaña, mentres que na categoría predoutoral o galardón foi para Estefanía Pereira, ás que se suma unha mención especial para Elisa Osorio. As tres recibiron de mans das gañadoras do ano pasado os seus galardóns, dotados de 1000 euros por categoría e 500 euros por mención especial para adquisición de material informático ou asistencia a congresos.
O obxectivo do concurso era que as científicas do centro contasen o seu traballo nun vídeo dun minuto e nesta segunda edición recibíronse nove propostas, que se irán difundindo nas redes sociais do CIM. O vídeo de Estefanía Pereira céntrase nun tema de grande actualidade como é a contaminación por microplásticos, mentres que Sara Comesaña explicaba con imaxes o seu traballo no ámbito da sostibilidade da acuicultura a través do estudo da viabilidade de novos ingredientes para pensos de rodaballo. No caso de Elisa Osorio, a peza audiovisual afondaba tamén na acuicultura pero, no seu caso, sobre control parasitario en cultivos de ourizo de mar co obxectivo de desenvolver este sector en Galicia.
Cun orzamento de 2,3 millóns de euros e no marco da convocatoria Interreg Atlantic Area, este xoves botou a andar en Vigo o proxecto europeo Marinnonet, que ten como finalidade mellorar as capacidades de innovación e transferencia das rexións do espazo atlántico no eido da biotecnoloxía azul. Liderado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM, no consorcio están implicadas institucións e empresas como a Estación Marina de Plentzia da Universidad del País Vasco, o Banco Español de Algas da Universidad de las Palmas de Gran Canaria, o Instituto Español de Oceanografía do CSIC (IEO), University of Galway (Irlanda), a Universidade do Minho (Portugal), a Estación Biolóxica de Roscoff da Universidade da Sorbona, Munster Tecnological University (Irlanda), o cluster Pôle Mer Bretagne Atlantique (Francia) e AsociaÇao Nacional para os Biorecursos Marinhos e Biotecnologia Azul (Portugal).
A finalidade do proxecto, de tres anos de duración e liderado polo director do grupo de investigación PhysToFish, José Luis Soengas, é reunir nunha rede de cooperación transnacional os actores da cuádrupla hélice (academia, administración, empresas e sociedade) de España, Francia, Portugal e Irlanda dedicados á I+D+i de biotecnoloxía mariña. Esta rede permitirá potenciar a capacidade de innovación do sector en tres campos de actuación: innovacións para unha acuicultura eficiente, sostible e resiliente; tecnoloxías ómicas de observación para preservar a biodiversidade mariña e restaurar a saúde do océano; e produtos mariños para aplicación industriais. Desta forma, lograrase a explotación conxunta das súas competencias e capacidades en beneficio da innovación azul para asegurar a súa competitividade na economía azul europea e mundial e o uso sostible dos recursos mariños, contribuíndo á adaptación ao cambio climático.