A rede europea Marinnonet, coordinada polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e cofinanciada pola convocatoria Interreg Atlantic Area, vén de abrir a súa segunda convocatoria de proxectos piloto, destinada a apoiar iniciativas innovadoras que promovan o uso sostible dos recursos mariños e impulsen a economía azul no espazo atlántico.
Esta convocatoria ofrece financiamento, ata 30.000 euros por proxecto, para probar novas ideas no ámbito da biotecnoloxía mariña, facilitando a conexión entre centros de investigación, empresas e outros axentes do sector. O obxectivo é avanzar na transferencia de coñecemento e na creación de solucións con potencial de mercado a partir de recursos mariños. Trátase de impulsar a bioeconomía azul en tres áreas clave: acuicultura sostible, tecnoloxías de observación mariña e produtos industriais relacionados co mar.
A prestixiosa clasificación da Universidade de Stanford, “Ranking of the World Scientists: World’s Top 2% Scientists”, reforza o avance imparable do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) na ciencia global. Con 13 investigadores e investigadoras entre os máis citados da UVigo, esta distinción subliña a excelencia e o impacto global do CIM no ámbito mariño, consolidando o seu papel como referente científico de vangarda.
A edición 2025 do Ranking of the World Scientists: World’s Top 2% Scientist recoñece a cada vez maior capacidade investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM). Concretamente, dos 48 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo que aparecen no ranking tendo en conta o número de citas ao longo de toda a súa carreira, 10 deles, é dicir, o 20%, pertencen ao CIM.
Lizbet Gutiérrez e Carlos Andrés Ramírez son dous dos 15 investigadores da Universidade de Vigo que están traballando no seu doutoramento industrial, unha modalidade que conecta directamente o mundo académico co tecido empresarial, combinando ciencia aplicada, innovación e contacto directo co mundo profesional. Lisbet Gutiérrez no laboratorios do CIM e Carlos Andrés Ramírez a través do programa DOMAR do Campus do Mar son dous exemplos destacados desta aposta pola investigación con impacto real.
Lizbet Gutiérrez, investigadora do programa de doutoramento Metodoloxía e aplicacións en ciencias da vida, traballa en colaboración coa empresa Insati e baixo a dirección da científica do CIM Paloma Morán. A súa tese céntrase no deseño dun sistema IoT-EdgeAI, que combina intelixencia artificial e sensórica avanzada para mellorar a produción e o crecemento da semente en bateas, especialmente en zonas con alta depredación. Leva traballando en Insati desde 2023 e iniciou a súa tese en decembro de 2024. Parte do traballo experimental realízao na Ecimat, onde analiza o impacto da depredación, e alterna co desenvolvemento tecnolóxico na empresa. “Sempre me gustou a investigación aplicada, e esta modalidade ofrece a posibilidade de desenvolver proxectos cun enfoque moi práctico”, explica.
O grupo de Fisioloxía de Peixes (PhysToFish) do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, dirixido polo catedrático José Luis Soengas, lidera un innovador proxecto europeo co que se buscará revolucionar a produción de pensos para acuicultura mediante procesos biotecnolóxicos innovadores, substituíndo as proteínas vexetais por proteínas obtidas de fungos unicelulares mediante a súa fermentación con residuos de macroalgas. O traballo foi seleccionado para financiamento – coa cantidade de 1,23 millóns de euros- dentro da área Blue Bio Resources da prestixiosa convocatoria Sustainable Blue Economy Partnership (SBEP), vinculada ao programa Horizonte Europa da UE, que apoia a economía azul sostible. Tras unha rigorosa avaliación internacional, esta proposta, bautizada como AlFunFeed, é a única seleccionada que está liderada por un grupo de investigación español.
O consorcio conta tamén coa participación da empresa galega de biotecnoloxia ODS Protein, representada por Iria Varela, e outros tres grupos de investigación procedentes da Università Politecnica delle Marche (Italia), con Ike Olivotto á cabeza; do centro CIIMAR (Portugal), a través de Benjamin Costas; e da Universidade de Tesalia (Grecia) baixo a dirección de Kostas Kormas. Ademais, cóntase tamén coa colaboración da Federación italiana de pesca e acuicultura (Federpesca), representando á sociedade, e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia como representantes da administración.
O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo (CIM) participa en Aquafuture Spain 2025, a feira internacional de referencia para o sector acuícola que se celebra no IFEVI desde mañá e ata o xoves 22 de maio. O CIM estará presente cun stand propio no que se mostrarán algunhas das súas principais capacidades científicas e tecnolóxicas, así como proxectos que buscan fortalecer o vínculo entre ciencia e acuicultura. No espazo expositivo do centro preséntanse os proxectos MytUniSex, Marinnonet, Benjaminn e AQUASERV, todos eles cunha forte compoñente de transferencia de coñecemento e vinculados coa economía azul.
Co gallo das celebracións do Día Internacional da Muller e a Nena a Ciencia, o Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, entregou este luns os galardóns do concurso Marie Tharp 2024 cos que se procura dar visibilidade ao traballo desenvolvido polas mulleres investigadoras no ámbito mariño. Na terceira edición dos premios Jessica Calo, Alejandra García e Nerea Cazas recibiron cadanseu galardón por tres vídeos divulgativos dun minuto de duración nos que explican de xeito ameno e accesible ao publico as investigacións que desenvolven no CIM.
O director do CIM, Daniel Rey, destacou no acto de entrega dos premios, celebrado este mediodía, que esta iniciativa non só recoñece a excelencia científica das investigadoras, senón que tamén permite achegar o seu traballo á sociedade, facendo que a ciencia mariña sexa máis accesible e inspiradora para as novas xeracións. “A ciencia precisa de todas as súas voces, e no CIM seguiremos traballando para garantir que o talento feminino teña o espazo e o recoñecemento que merece”, afirmou.