Cristina Fernández e Lizbet Gutiérrez recibiron os seus galardóns no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
Un ano máis, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo celebrou a entrega de premios da cuarta edición do concurso Marie Tharp 2025, unha iniciativa xa consolidada no calendario arredor das actividades do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A iniciativa aposta por amplificar voces femininas do ámbito mariño a condensar a esencia do seu traballo en pezas dun minutos, combinando creatividade e rigor. A xornada foi inaugurada polo director do CIM, Daniel Rey, quen puxo o acento na necesidade de integrar a igualdade como eixo estrutural do sistema científico. “Usar o nome de Marie Tharp neste premio é un xeito de afirmar con claridade que a ciencia do presente e do futuro debe ser máis xusta, máis diversa e máis visible. Tamén é unha mensaxe para as novas xeracións. Hai espazo para o voso talento, hai camiño por percorrer e hai comunidade para acompañarvos”, sinalou. Un dos momentos centrais do encontro foi a mesa redonda Retos e oportunidades para as mulleres na ciencia mariña, un espazo interxeracional que permitiu confrontar experiencias, identificar transformacións e analizar desafíos persistentes. Participaron as investigadoras do CIM Ana Ulla, Ayelén Blanco e Nerea Cazás, xunto coa directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Yolanda Rodríguez. Rodríguez deu os parabéns ao CIM pola cuarta edición do Premio Marie Tharp, o que amosa o compromiso a longo prazo coa igualdade e coa visibilización do talento feminino, ademais de que é un exemplo de como se pode apostar polo futuro e as novas xeracións, xa que supón unha axuda para os perfís máis novos. “A ciencia precisa da vosa voz, ideas e actitude para avanzar cara a unha igualdade real”, recalcou.
A dixitalización como instrumento para a innovación da industria acuícola atlántica. Esta é a esencia de DigiATLA, un proxecto europeo no que participa o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e que esta semana celebrou en Portugal a súa xuntanza inaugural
Building Digital Capacity for Innovation in Atlantic Aquaculture está financiado polo programa Interreg Atlantic Area 2021–2027 e conta cun orzamento total de 2,1 millóns de euros, cofinanciado ao 75 % pola Unión Europea. O seu obxectivo é impulsar a transformación dixital da acuicultura atlántica mediante o fortalecemento de capacidades en acuicultura sostible, nutrición de precisión e adopción de tecnoloxías da Industria 4.0. Deste xeito, DigiATLA abordará retos do sector como a baixa integración dixital, as ineficiencias produtivas e o impacto ambiental, factores que limitan a competitividade e resiliencia da acuicultura.
Con motivo do Día Mundial da Acuicultura, celebrado o pasado domingo, o grupo de investigación PhsytoFish do Centro de Investigación Mariña,CIM, da Universidade de Vigo organizou este luns unha xornada divulgativa centrada nunha das especies máis emblemáticas da acuicultura galega: o rodaballo, Scophthalmus maximus. O obxectivo: achegar o alumnado universitario ao mundo da investigación mariña e atraer novo talento a un sector estratéxico para Galicia, non en van o 90% da produción europea deste especie procede desta comunidade, tal e como se indicou na propia xornada.
A través da combinación de ciencia, transferencia de coñecemento e gastronomía amosóuselle ao alumnado as múltiples oportunidades profesionais e de especialización que ofrece a acuicultura, unha das áreas prioritarias de investigación do CIM e un motor fundamental para o futuro da economía azul.
O proxecto Marinnonet, coordinado polo catedrático José Luis Soengas, do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, recibiu este xoves na cidade irlandesa de Galway o Atlantic Project Award, un dos Atlantic Awards 2025, galardóns que outorga a Comisión Europea para recoñecer as iniciativas máis destacadas na implementación da Estratexia Marítima Atlántica e do Atlantic Action Plan 2.0.
Fíxoo no marco da celebración do Atlantic Stakeholder Platform Conference (ASPC 2025), unha xuntanza que, nesta ocasión, se celebra baixo o lema Mareas de cooperación: a estratexia atlántica como catalizador do Pacto Oceánico Europeo e na que se reúnen representantes de institucións europeas, administracións nacionais e rexionais, centros de investigación, entidades privadas e empresas do ámbito marítimo de toda a área atlántica.
O grupo PhystoFish do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo acaba de poñer en marcha o proxecto WelFlatFish+, centrado na avaliación e mellora do benestar animal na produción industrial de peixes planos como o rodaballo e linguado. Financiado con 115.000 euros pola empresa Stolt Sea Farm SL, desenvolverase ata 2027 e responde a unha necesidade da acuicultura moderna, que repercute nunha mellor calidade do produto e na sustentabilidade da produción, xa que os resultados incidirán de forma directa na optimización dos procesos reais de cultivo nas granxas da empresa.
Ademais do investigador principal, Jesús Manuel Míguez Miramontes, o proxecto conta coa participación de Marcos Antonio López Patiño, Marta Conde Sieira, Mauro Chivite Alcalde e Mercedes Gallardo Medina. Tamén está implicado neste estudo Carlos Andrés Ramírez Rodriguez, estudante de doutoramento do programa DoMar, que está a desenvolver a súa tese ao abeiro do programa de Doutoramento Industrial da Xunta de Galicia; así como como Antía Verde Rodríguez, investigadora contratada co orzamento do proxecto. Segundo explica Jesús Míguez, “aínda que xa noutros proxectos previos nos centraramos na fase final da produción, neste novo continuaremos eses estudos pero aplicando técnicas moi sensibles de electrofisioloxía que nos permitirán medir a actividade neurolóxica e definir o estado de consciencia do peixe, asegurando unha desconexión sensorial completa”.
A rede europea Marinnonet, coordinada polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e cofinanciada pola convocatoria Interreg Atlantic Area, vén de abrir a súa segunda convocatoria de proxectos piloto, destinada a apoiar iniciativas innovadoras que promovan o uso sostible dos recursos mariños e impulsen a economía azul no espazo atlántico.
Esta convocatoria ofrece financiamento, ata 30.000 euros por proxecto, para probar novas ideas no ámbito da biotecnoloxía mariña, facilitando a conexión entre centros de investigación, empresas e outros axentes do sector. O obxectivo é avanzar na transferencia de coñecemento e na creación de solucións con potencial de mercado a partir de recursos mariños. Trátase de impulsar a bioeconomía azul en tres áreas clave: acuicultura sostible, tecnoloxías de observación mariña e produtos industriais relacionados co mar.